Etiqueta: Siniestro Total

  • Ante todo: moita calma

    Ante todo: moita calma

    O Celta asinou ante o Athletic os seus peores minutos deste inicio de temporada e pagounos caros. Dous golpes en apenas dous minutos castigaron un equipo irrecoñecible durante a primeira metade que reaccionou tras o descanso, pero volveu evidenciar a súa falta de mordente. Un punto de nove e motivos para preocuparse, si. Para desesperarse, aínda non. Ante todo: moita calma.

    Brais V.

    Ante todo: mucha calma é un álbum gravado en directo pola banda de punk viguesa Siniestro Total. Non se sabe con certeza a orixe da frase nin por que Siniestro decidiu asociala ao grupo, pero todo nos encaixa como unha luva para este artigo e para definir a situación actual do Celta e, sobre todo, para facer un desglose do partido dos celestes contra o Athletic de Bilbao desta fin de semana.

    As rotacións van ser máis necesarias ca nunca esta temporada, máis aínda se temos en conta o calendario vertixinoso ao que se enfrontarán os celestes neste arranque de curso. A estas alturas ninguén debería sorprenderse das aliñacións titulares que presente Giráldez en cada preito. Forma parte do plan.

    A priori, o once titular pintaba «sexy», como me gusta cualificalo. Ganas de ver a Faye, emoción pola titularidade de Hugo González, intentar despexar as dúbidas xustificadas polo estado físico de Carl Starfelt…

    Non arrancou de todo mal o Celta o encontro, xerando perigo ás costas dos centrais do Athletic, pero un par de axustes dos Leóns e o Celta diluíuse por completo, afogando na súa propia pasividade e falta de personalidade.

    O Bilbao non presionaba a saída desde atrás do Celta. Limitábase simplemente a marcar ao home a Moriba e Febas. Os mediocentros celestes estaban moi xuntos, apenas se ofrecían, deixando a responsabilidade da saída de balón aos centrais e carrileiros. Só Álvaro Núñez se movía e intentaba combinar para darlle saída ao xogo, mentres que Carreira pasaba desapercibido e tanto Faye como Javi Rodríguez xogaban cómodos, pero incapaces de arriscar na saída de balón.

    Atascouse o Celta, que se dirixía de forma irremediable e a toda velocidade cara ao final dun canellón sen saída.

    Chegou o minuto vinte de partido e con el o final do canellón e o desastre. Dous minutos, dous rabuñazos do Athletic e o Celta atopábase en sinistro total.

    Non foi un accidente imprevisible. Foi o resultado lóxico da lea na que se metera o propio Celta. Falta de mobilidade, de intensidade defensiva e de argumentos futbolísticos. O Celta de Claudio Giráldez traizoouse a si mesmo e pagou un prezo moi caro.

    Co descanso chegaron catro cambios. Entrou Miguel Román e o Celta deixou de pedir cada balón ao pé, a pelota comezou a fluír con ritmo e apareceron os espazos. Moi bos minutos no arranque da segunda metade.

    Na opinión de quen escribe, o último cambio foi precipitado e erróneo. A entrada de Hugo Álvarez por Swedberg na banda esquerda do ataque, sumada a un mal partido de Sergio Carreira, deixou o Celta sen profundidade e perigo por esa banda.

    Como contra o Valencia, o Celta chegaba, pero non mordía.

    Nin un tiro entre os tres paus na segunda metade, demostrando unha vez máis nesta temporada que ao Celta fáltalle picante arriba, fáltalle colmillo. A ausencia de Borja Iglesias non debería servir como escusa.

    Contra o Athletic estiveron mal todos: adestrador, xogadores… Un punto en tres partidos e sensacións encontradas. Dominio e falta de pegada contra o Valencia, un resultado enganoso contra Osasuna e dez minutos desastrosos contra o Athletic.

    Non vos desesperedes. Este equipo xa demostrou que pode gañar, que está traballado e que os resultados chegarán.

    Ante todo: moita calma.