Claudio Giráldez está moi satisfeito. A súa linguaxe corporal delátao e, por se a alguén lle quedaba algún indicio de dúbida, ao finalizar o partido fronte ao Nápoles que poñía o punto final á pretemporada celeste verbalizouno abertamente en declaracións concedidas aos medios oficiais do club. A explicación da satisfacción do preparador porriñés atópase no demostrado polos seus rapaces sobre o verde durante todo o verán e confirmado esta última semana na minixira do Celta por terras italianas.
Tras a contundente vitoria fronte ao Sassuolo hai uns días, o Celta presentouse en Castel di Sangro para afrontar un último desafío antes do inicio da competición doméstica a próxima fin de semana. O todopoderoso Nápoles, que participará na Champions esta nova tempada que está a piques de comezar, serviría para calibrar o estado de forma no que se atopan os pupilos de Giráldez.

Rival serio, con xogadores de renome e notable experiencia, os italianos comezaron o partido cun ritmo altísimo que superou os celestes durante os primeiros minutos de xogo. Incapaz de sacudirse o dominio local, no minuto once de partido o Celta encaixaba o seu cuarto gol a balón parado dos seis recibidos en total durante esta pretemporada. Este aspecto do xogo é un dos puntos nos que o club e o corpo técnico focalizaron os seus esforzos de cara á próxima tempada, intentando corrixir un mal endémico que persegue o Celta durante os últimos anos.
O debutante Abdoulaye Faye —titular no seu debut— viuse sorprendido na marca tras un centro envelenado dos locais e Di Lorenzo cabeceou ao fondo da rede dun Andrei Ionuț Radu que pouco puido facer.

O Celta medra co paso dos minutos
Custoulle ao Celta sacudirse o dominio local. O Nápoles dispuxo dalgunha que outra boa ocasión, pero desta vez si topou co porteiro romanés e co longueiro. O Celta comezou entón a medrar, liderado por uns enormes Febas e Hugo Burcio, que se apoderaron por completo do tempo e do ritmo do xogo.
Carl Starfelt, moi esixido polo xigante dianteiro Højlund, comezou a gañar a batalla corpo a corpo no seu particular duelo nórdico e o Nápoles deixou de atopar a maneira de chegar con tanta claridade ás inmediacións da área viguesa, agás polas internadas pola banda esquerda de Alisson Santos.
O Celta comezaba a chegar. Jones El-Abdellaoui e Álvaro Núñez voaban polos seus carrís e o equipo comezaba a despregar ese xogo rápido e vertical en transición, sinal de identidade do Celta 2.0 de Claudio Giráldez.
Gustaríame destacar especialmente o partido de Jones e Álvaro. O primeiro está a demostrar esforzo, sacrificio e unha aprendizaxe sen balón a marchas aceleradas, pero aínda lle falta comprensión e maldade na finalización das xogadas de ataque. Cando o consiga e madure, será un xogador importante no cadro de xogadores.
Pola súa banda, Álvaro Núñez parece xa recuperado da pubalxia coa que chegou a Vigo no pasado mercado de inverno. Vai collendo ritmo e forma e, aínda que contra o Nápoles exerceu de carrileiro esquerdo, deu un auténtico recital de despregamento físico nos dous lados do campo, unido a unha sobresaliente pausa coa pelota.
Hugo Burcio tira a porta abaixo
Tras o descanso, Jones e Javi Rodríguez deixaron o seu sitio a Yoel Lago e Javi Rueda. Febas, Burcio e un Antañón máis escorado á banda continuaban marcando o ritmo do partido. O Nápoles deu paso a un carrusel de cambios e resultou sorprendente ver como era o Celta o que daba un paso adiante fisicamente, mentres que eran os italianos os que parecían non ter realizado ningún cambio.
Hugo Burcio deu un auténtico recital táctico, posicional e físico. O golpe enriba da mesa foi contundente, elevando un nivel que xa fora moi alto durante toda a pretemporada e poñéndolles as cousas moi complicadas tanto a Claudio como aos seus compañeiros de posición.
Aleix Febas e Miguel Román parten como presumible parella de centrocampistas «titular» para o primeiro partido de Liga, pero ninguén pode durmirse. Ilaix Moriba e Matías Vecino continúan sendo xogadores do primeiro equipo, pero agora mesmo hai dous rapaces do Fortuna dispostos a arrincarlles as pegatinas e adiantalos pola dereita.
Diso vai este rollo e disto vai o proxecto deportivo do Celta: de que ninguén se durma e apareza xente desde abaixo disposta a tirar a porta abaixo.
Tras o partido, Claudio Giráldez confirmou que Hugo González o fixera e que gañara un posto no primeiro equipo grazas ao seu traballo durante a pasada tempada e este verán. A peaxe que pagará o Celta Fortuna será moi grande en todos os casos que citamos, pero estará cumprindo á perfección a súa función.
Jutglà atopa o premio á presión
O gol do empate celeste chegou no minuto 64 grazas a Ferran Jutglà. O dianteiro catalán fora unha illa en ataque ata ese momento. Non caeu tanto ás bandas nin tivo tanta incidencia como no pasado partido contra o Sassuolo, pero a súa insistencia na presión a Kevin De Bruyne no balcón da área permitiulle encarar o porteiro italiano, desfacerse del cun regate non exento de calidade e rematar comodamente a porta baleira.
Tras o gol continuaron os clásicos carruseis de cambios de pretemporada e o partido rematou con ocasións para ambos os equipos.
As sensacións están aí. Agora toca gañar
O importante non foi o resultado, foron as sensacións. Pechouse a pretemporada contra un rival esixente e nunca se lle perdeu a cara ao partido. Competíuse. O Celta de Claudio faino case sempre. Xogouse a un ritmo moi alto malia tratarse dun amigable de verán e o equipo chega a tope para o comezo da tempada a próxima fin de semana contra Osasuna.
Pero de sensacións non se vive. Vívese de goles e vívese de vitorias.
Quedan movementos de xogadores por producirse, tanto entradas como saídas, pero estamos tranquilos. Claudio sempre espreme ata a última pinga de fútbol dos seus xogadores.
Nunha semana volverémonos ler e veremos que tal nos foi. Que non haxa dramas nin euforia sobrerreaccionada, isto é moi longo. Temos as armas e a motivación de estar ante a última tempada de Iago. Temos un adestrador e uns xogadores que non se conforman, que queren máis e que deixarán sempre todo no campo.
Fagamos o mesmo.


