Etiqueta: Mercado de fichajes

  • DEIXEN QUE OS RAPACES CAMELEN

    DEIXEN QUE OS RAPACES CAMELEN

    O Celta afronta unha temporada histórica co Fortuna en Segunda e unha canteira que aperta desde abaixo. Quizais chegase o momento de esixir un pouco menos de inmediato e aprender a agardar.

    Por Brais V. | Opinión

    Escríbovos estas liñas desde un retiro autoimposto co único obxectivo de desconectar da imprevisibilidade da vida baixo a escusa vaga de ver unha eclipse «en mellores condicións». Cando se publique este texto xa estarei de volta na casa, cunha escusa cumprida e coas pilas aínda en reserva. Sinceramente, non me importa. Podes intentar escapar da rutina, pero ao final a rutina sempre te acaba atopando. Para min e para moitas persoas coma min, o Celta forma parte da nosa rutina.

    O Celta fainos trampas. Unha das maiores fontes de distracción semanal é agardar á fin de semana para ver o partido dos rapaces de Giráldez. É nese momento cando en Balaídos nos xuntamos cos nosos amigos ou familiares e esquecemos as nosas semanas. No bar o mesmo, na casa tamén… É unha das nosas maiores fontes de dopamina. O Celta non nos permite sufrir ou celebrar sós. O Celta é unión, é comunidade e é unha forma de entender a vida. Pode soar esaxerado, pero se paramos a pensalo un momento non o é. Esaxerado sería dicir que cando nacemos no noso ADN se instala unha especie de código xenético herdado dos nosos pais, que á súa vez o herdaron dos nosos avós, e así remontándonos ata 1923. A miña cabeza racional grítame que é unha estupidez mentres o meu corazón sorrí e murmura que non ten probas, pero tampouco dúbidas.

    Volvendo ao meu retiro. Esquecédevos de desconectar de todo e por completo nun mundo tan conectado. Estaba eu «de chills» aquí con nai, tíos e curmáns na Ribeira Sacra, discutindo parvadas, intentando ver estrelas fugaces e demais historias que pretenden arranxar o mundo, cando se desataron os acontecementos. Ollo, que igual se suspende o partido do domingo polo estado do céspede de Balaídos —mentres preparaba todo isto para subilo confirmouse a suspensión, pero non é o relevante desta historia—. Os insiders de Twitter picando caracteres nos seus teléfonos móbiles e abrindo espazos de audio para esfolar as posibles fichaxes que faga o club de aquí ao final do mercado. Recoñezo que eu tamén o fago. Sería hipócrita non admitilo. Todos temos as nosas fobias e as nosas filias e poucas cousas custan máis que intentar ser obxectivo. A obxectividade é o meu obxectivo a cumprir en setembro cando remata a temporada en xuño, pero ao final en outubro decátome de que me tocará repetir curso.

    Toda esta chapa é a peaxe que tedes que pagar vós, os lectores, para abordar cun pouco de contexto as dúas cuestións que quero tratar neste artigo de opinión. A cuestión superficial é que non aprendemos de temporadas pasadas no que se refire a «matar» xogadores antes mesmo de que estampen a súa sinatura nun contrato e no estoxo de bolígrafos que colecciona Marián Mouriño.

    O exemplo máis recente é o de Andrei Radu a temporada pasada, pero non porque o xogador en si non gustase, senón porque durante semanas se alimentaran constantemente rumores sobre que xogadores poderían chegar para cubrir o oco na portería que acababa de deixar vacante Vicente Guaita. «O Celta non ten porteiro», repetían sen cesar os insiders e mesmo os máis panenkitas. Ao final, o porteiro romanés destacou como un dos mellores porteiros da competición e tan só os problemas físicos, acentuados por ter que forzar ao non dispoñer Claudio dun recambio de garantías, fixeron que Radu parecese un porteiro máis terreal.

    Ao que vou é a que todos debemos ter un pouco máis de paciencia con calquera que vista a celeste. Inclúome. Debemos deixar que o corpo técnico traballe, que os xogadores se adapten ao sistema e se empapen dos automatismos. Que non nos cegue que o novo lle peche a porta a este ou a outro canteirán. Ao final o fútbol manda e Claudio poñerá a cada un no seu sitio. Está demostrado que o que o mereza xogará e o que non verá os seus compañeiros desde o banco ou desde a bancada.

    A cuestión de fondo é máis sinxela de asimilar. Polo menos así o penso.

    É unha temporada histórica, xente.

    Non me refiro a volver xogar competición europea, a disputar a Copa ou mesmo a que sexa a temporada de despedida de Iago Aspas. É histórica polo Fortuna. O ascenso, pensándoo máis en frío, é unha anécdota. O importante aquí é competir. O desafío é marabilloso. Os nosos rapaces do filial, incluída a cantidade inxente de xuvenís que nutrirán o equipo de Fredi, acelerarán aínda máis os procesos de formación.

    A famosa mili da que sempre falamos en DSTP Podcast para os rapaces que teñen perspectiva de poñerse ás ordes de Claudio farana en Vigo. Non terán que marchar a terras afastadas nas que a incerteza dos minutos e a adaptación a un novo sistema ralenticen a súa progresión. Algún de vós estará pensando agora mesmo: «Pois as novas fichaxes do Celta tamén terán que adaptarse». Correcto, pero farano precisamente a un sistema que é un calco do que utiliza o primeiro equipo.

    Insisto: a temporada do Fortuna na Liga Hypermotion é a mellor noticia posible para un club que nos últimos anos deu un xiro de 180º ao seu proxecto deportivo.

    Na miña opinión, o de «club de canteira» ata hai un par de temporadas foi máis mito que realidade. O Celta acudiu á canteira nos seus momentos máis complicados e a xeración de Iago Aspas acudiu ao rescate. Nas temporadas seguintes, o acceso de canteiráns ao primeiro equipo produciuse a contagotas, con xogadores chegados directamente do Celta B e con algún que outro retornado.

    A aposta decidida pola canteira non foi un proxecto claro ata a chegada de Claudio Giráldez ao primeiro equipo. Eu sempre son escéptico coas intencións dos Mouriño. Calquera oínte habitual de DSTP Podcast sábeo. En realidade, sómolo case todos os que pasamos por alí cada semana a debater —ou discutir, segundo se tercie— sobre a actualidade celeste.

    Non quero repetirme, pero o proxecto de canteira «100 %», como proxecto recente, vive o seu mellor momento, é a envexa dos equipos máis poderosos da competición e sitúa o club nunha situación envexable para progresar e medrar a nivel deportivo e social.

    Cada un vive o Celta como quere. Non hai unha forma mellor nin peor e todas son válidas. A algúns impórtalles que no once haxa máis canteiráns que menos. Outros queren fichaxes sexys. Outros son máis resultadistas… Pero si é certo que a corrente maioritaria é a primeira. O «prefiro descender con canteiráns que gañar xogando así» foi un ruxerruxe constante entre as voces máis ruidosas dos últimos anos, agora apaciguadas desde a chegada de Claudio ao primeiro equipo.

    E, con todo, o técnico porriñés descarta canteiráns do primeiro equipo coa facilidade propia de alguén que se sabe coa confianza do club, da prensa e do entorno. É unha bendición, pero unha bendición que palidece ante a perspectiva de que eses mesmos canteiráns se vexan presionados polos que agardan no Fortuna co cabeiro entre os dentes.

    Aquí ninguén pode durmirse.

    Hugo Sotelo, Carlos Domínguez e Manu Fernández vivírono e víveno nas súas propias carnes. Ollo, que non só eles. Ilaix ou Vecino están tamén no punto de mira.

    Como dicía o Fary: «deixen que os rapaces camelen como eles camelan».

    Deixen que se equivoquen, que cometan erros, que se dean de fociños coa crúa realidade do fútbol profesional. O mesmo para Faye e para a xente que poida chegar para o primeiro equipo de aquí ao peche do mercado. Chegan a un equipo que xoga de memoria, con automatismos un tanto complexos no táctico.

    Agardemos a xuño para soltar veleno e verbalizar as nosas frustracións.

    Eu, pola miña parte, farei o enésimo intento. Espero poder conseguilo