Etiqueta: Marco Garcés

  • Claudio contra as matemáticas: catro millóns de onces e unha certeza

    Claudio contra as matemáticas: catro millóns de onces e unha certeza

    Acertar un once de Claudio Giráldez é case unha cuestión de fe. O técnico volveu sorprender no debut ligueiro ante o Valencia cun equipo que respondeu ao seu plan, competiu e apenas sufriu. O Celta deixou certezas, pero tamén unha evidencia a oito días do peche do mercado: faltan talento, desequilibrio e esa chispa capaz de transformar posesión en perigo. Agora tócalle a Marco Garcés darlle armas a Claudio.

    Brais V

    En canto a conta de X do RC Celta publicou o once inicial que Claudio Giráldez utilizaría para a estrea ligueira da temporada 26/27, xurdiron en min sentimentos estraños que poucas veces experimentara antes. Por unha banda, lembraba o once que lle dera por seguro a David no último episodio de DSTP Podcast e o bochorno e o ridículo percorreron toda a miña alma de arriba abaixo. É certo que estes sentimentos nunca me foron alleos —por sorte ou por desgraza—, pero recompúxenme con certo éxito e entón a miña cabeza abandonou o meu eu habitual, puxo a capa do Doutor Estraño e comezou a debuxar todos os futuros onces posibles.

    Que Claudio nunca repita aliñación pasou por todos os estados do meme posibles. Comezou como un meme que asustaba e facía que levásemos as mans á cabeza mentres nos mirabamos uns aos outros e nos preguntabamos: pero que fai? Pouco a pouco o meme evolucionou. Pasou do medo ao simple susto, despois chegou o «Claudio sabe o que fai», asentouse como «dá igual a quen poña, saen once cabróns que dan a cara e renden». Agora xa estamos afeitos e o once case que nos dá igual.

    E aquí é onde entra o meu eu convertido nun médico con poderes sobrenaturais capaces de alterar a realidade. Por desgraza son un ser humano normal, así que lle pedín axuda á intelixencia artificial para resolvelo. Sempre se me deron ben as matemáticas, pero entre que non fago unha multiplicación sen calculadora desde hai vinte e cinco anos e que esta fin de semana invita á preguiza, acudín á axuda de Ultrón —por seguir coas metáforas dos Vingadores— para resolver a miña dúbida: despois de máis de cen partidos seguidos sen repetir aliñación, é máis fácil acertar un once de Claudio ou a lotería? A pregunta, ridícula en si mesma xa que non achega ningún tipo de valor ou dato salientable, considero que é lexítima. A resposta do meu Ultrón particular non deixou lugar a dúbidas.

    Matematicamente, a comparación é demoledora. Se imaxinásemos, simplificando moitísimo, que Giráldez puidese escoller calquera combinación de 11 xogadores dun cadro de 25, existen 4.457.400 onces distintos. Iso sería aproximadamente unha posibilidade entre 4,46 millóns de acertar o once exacto escollendo completamente ao chou.

    Ollo con esta historia, porque predicir que once vai sacar Claudio debe ser un verdadeiro quebracabezas para os adestradores rivais á hora de preparar un partido contra os celestes. En O gran Lebowski, Walter dicíalle ao Nota que «a beleza dun plan reside na súa sinxeleza». Giráldez fai todo o contrario. Non é sinxelo acertar un once, non é sinxelo preparar un plan de partido contra o seu equipo, pero esta complexidade simplifica a xestión do grupo e permite ter a todos os xogadores enchufados. A complexidade como vehículo para alcanzar a sinxeleza.

    Magnus Carlsen, o mellor xogador da historia, cando lle preguntaron se consideraba a Bobby Fischer un xenio respondeu que si, porque facía parecer sinxelo o que en realidade era moi difícil. Paréceme unha boa definición do que é a xenialidade. Acabo de darme conta de que a afirmación que fixo o noso compañeiro de podcast Rodri Lagoa hai tres temporadas e media é certa: Claudio Giráldez é un xenio

    Estou seguro de que a vós, lectores, o once de Claudio contra o Valencia tamén vos voou a cabeza. Creo que a todos nos xeraban dúbidas as titularidades de Jones El Abdellaoui e Javi Galán despois da súa pouca participación no treito final da pretemporada.

    Como explicou Claudio en rolda de prensa tras o partido, o plan de partido do Celta desenvolveuse á perfección. Comezaron os de Giráldez arroupados e convencidos de entregarse a unha defensa férrea capaz de aguantar as acometidas iniciais dun voluntarioso Valencia, pero coa vista posta en atacar o espazo e as costas dos defensas ches grazas á velocidade e profundidade que ofrecen Ferran Jutglá e Jones El Abdellaoui.

    Co paso dos minutos o Celta fíxose co balón. É difícil que non o consiga con Aleix Febas e Miguel Román, dous xogadores capaces de mover a pelota con fluidez con apenas un ou dous toques. Jones, sempre incisivo pola súa banda, conseguía recibir con certa vantaxe ao espazo, pero non atopaba un socio ao que poñerlle un balón perigoso na área valencianista. Jutglá, sempre voluntarioso, non é un dianteiro que ataque a área. Loce moito máis acompañado doutro dianteiro que lle permita moverse entre liñas e atacar os espazos en transicións rápidas.

    A banda esquerda celeste mantiña un xogo máis pausado e combinativo que só se viu alterado por algunha incursión de Javi Galán. O trío de centrais formado por Javi, Yoel e Marcos apenas sufriu salvo nalgunha xogada illada, despexou todos os centros locais con certa solvencia e só se viu sorprendido nunha transición ofensiva do Valencia que atopou unha autoestrada no carril esquerdo celeste, froito dun mal balance defensivo que Radu resolveu con solvencia. A mellor ocasión celeste da primeira metade estivo nas botas de Javi Rodríguez, pero o seu disparo desde a frontal topou coa man de Dimitrievski.

    Tras o descanso, e co ímpeto inicial local completamente diluído, os rapaces de Giráldez fixéronse co balón. Aleix Febas marcou o tempo do partido e por momentos o encontro converteuse nun monólogo visitante.

    Cando mellor estaban os celestes chegaron os cambios de Claudio, que deu entrada a Williot Swedberg por Hugo Álvarez buscando un pouco máis de mordente polo carril esquerdo e, minutos máis tarde, realizou un triplo cambio que cortou por completo o momentum no que se atopaba o Celta.

    Iago Aspas entrou por Jones, abandonando o carril dereito e situándose máis centrado e atrasado, deixando toda a banda dereita para Javi Rueda, que entrara en substitución de Javi Galán. Sergio Carreira situouse nese momento no carril esquerdo. O cambio máis sorprendente produciuse cando, en substitución de Ferran Jutglá, Claudio deu entrada a Pablo Durán. Tanto o sueco como o de Tomiño pasaron totalmente desapercibidos durante o resto do partido.

    Iago Aspas, sempre voluntarioso, axudou a manter o balón no balcón da área rival, pero o Celta perdeu verticalidade e mordente. A boa circulación de balón e a posesión celeste non se traduciron en perigo. Só un descomunal Sergio Carreira e Marcos Alonso conseguiron combinarse para xerar dano pola banda esquerda. Un disparo do madrileño que marchou rozando o pau longo valencianista foi a mellor ocasión visitante da segunda metade.

    Ilaix Moriba, co espertador funcionando durante a semana e despois de que Claudio sinalase na rolda de prensa previa ao partido que aprendera do toque de atención recibido ao quedar fóra da xira italiana de pretemporada, entrou por Aleix Febas axudando nos labores de contención e facendo que Radu apenas tivese traballo na segunda metade. O romanés resolveu o xogo aéreo que propoñían os valencianistas e só sentiu certo perigo nun contraataque que Danjuma desperdiciou enviando o balón aos xardíns do Turia cando se atopaba case man a man co porteiro celeste.

    A estrea ligueira foi un partido cheo de certezas e con moi poucas incógnitas. O Celta é un equipo sólido, rochoso e xeneroso no esforzo. Todos entenden os seus roles e todos reman ás ordes de Claudio Giráldez, pero a este Celta fáltalle chispa, fáltalle exactamente o que perdeu coa marcha de Óscar Mingueza e Fer López.

    Falta ese último pase, falta maldade e falta desequilibrio. O cadro de Claudio adoece dese xogador «máxico» que poña patas arriba a defensa rival, que revolucione ou axite un partido. O verso libre, o fútbol de antano que Iago ten na súa cabeza pero que, por desgraza e por mor da idade, apenas conserva nas súas pernas.

    O Celta en faceta ofensiva xa non pode entregalo todo aos pés do xenio de Moaña. Ten un El Abdellaoui que necesita «cocción» e comprensión do xogo; un Hugo Álvarez case sempre tímido; un Jutglá solitario; un Pablo Durán sempre guerreiro pero falto de talento; un Williot capaz do mellor ou de non ter a cabeza metida no partido; e un Borja Iglesias un ano máis vello, que terminou a temporada pasada arrastrando problemas físicos e con apenas pretemporada.

    Falta talento, falta desequilibrio, e esa é a tarefa que ten que resolver Marco Garcés nos oito días que quedan de mercado. Do seu acerto depende que o Celta dea un paso adiante ou se manteña nun nivel semellante ao da temporada pasada.

    Se hai uns anos todos pediamos que lle desen armas a Iago, agora pedimos que llas dean a Claudio.