Etiqueta: Kibet

  • O Fortuna xa compite entre os maiores

    O Fortuna xa compite entre os maiores

    O Celta Fortuna estreouse no fútbol profesional cun empate ante un histórico como o Cádiz CF nun partido marcado polo mal estado do terreo de xogo. Os rapaces de Fredi superaron os nervios iniciais, competiron de ti a ti e deixaron a sensación de que están preparados para o enorme desafío que teñen por diante.

    Por Brais V.

    Este sábado 15 de agosto de 2026, o Celta Fortuna disputou por primeira vez un partido de competición oficial como equipo profesional. Fíxoo ante un rival histórico, o Cádiz CF, no seu propio estadio, e os rapaces de Fredi superaron con nota a primeira proba de lume.

    Non quero soar como Xavi Hernández cando toda a súa análise e discurso futbolístico xiraban arredor do estado do céspede dos distintos estadios repartidos pola xeografía española, pero parecía que o JP Financial Estadio sementara o céspede que hai uns días levantaron en Balaídos, afectado por ese fungo que atrasou o inicio de temporada do primeiro equipo.

    Bromas á parte, non podemos obviar o condicionante que supuxo para o desenvolvemento do partido o mal estado do terreo de xogo. Os futbolistas de ambos os equipos loitaron contra as circunstancias para desempeñar o seu oficio coa maior dignidade posible. Non foi fácil. Remates moi desviados, controis que se ían longos, botes estraños… Unha mágoa que un primeiro partido de Liga quedase un pouco deslucido polas malas condicións do terreo de xogo. Eu son da opinión de que o fútbol se reencontra co seu romanticismo máis primixenio cando se xoga en campos embarrados ou cheos de pozas, pero para a segunda categoría do fútbol español o espectáculo redúcese bastante.

    Indo ao partido en si, que é o realmente importante neste pequeno artigo, o Fortuna comezou cos nervios propios do debut. O peso da historia, os ollos dunha cidade e dunha afección postos sobre un grupo de rapaces que levaron a canteira ao seguinte nivel pesaron sobre os de Fredi durante os primeiros minutos, nos que un Cádiz que imprimía un ritmo moi alto e aproveitaba os nervios visitantes chegaba de forma insistente á portería defendida por Coke Carrillo.

    O Fortuna é un equipo rochoso en defensa. O seu trío de centrais, formado desta vez por Joel López, Pablo Meixús e Quique Ribes, despexaba con solvencia as constantes chegadas gaditanas. Vinte minutos tardaron os celestes en liberarse do dominio local, apoiando o seu xogo na descarga sobre Álvaro Marín mentres Hugo Burcio e Capde ían aparecendo pouco a pouco no partido.

    Tardaron os de Fredi en entrar no preito, pero cando o fixeron demostraron ser un equipo traballado, solidario e con capacidade para chegar á área rival con transicións rápidas. De feito, as ocasións máis claras da primeira metade estiveron protagonizadas polos celestes, que coquetearon co gol cun gran disparo de Ángel Arcos desde o pico da área que se topou coa man salvadora de Ezkieta —sen lugar a dúbidas, o mellor xogador local e seguramente do partido— e nunha das clásicas transicións ofensivas endiañadas do Fortuna que Kibet desaproveitou cun mal control cando quedaba só diante do porteiro.

    Aquí vou varrer para a casa e dicir que o control se lle foi longo polo mal estado do céspede. Cando se trata de defender os rapaces, elixo crer en conspiracións.

    O Fortuna marchaba ao descanso con mellores sensacións que media hora antes e coa moral á alza ao comprobar que era capaz de tratar de ti a ti ao Cádiz na súa estrea ligueira.

    Fredi introduciu cambios para a segunda parte. Entraron Andrés Antañón por Kibet —para quen escribe estas liñas, un dos xogadores máis destacados da primeira metade celeste— e Anxo por un Milla moi desconectado. Ambos os xogadores, en dinámica do primeiro equipo e que se presumen titulares no Fortuna cando non vaian contar con minutos cos maiores, déronlle outro aire a un equipo que, co paso dos minutos, foise apropiando do partido.

    O meu bo amigo e membro distinguido de DSTP Podcast Jorge convenceume nos últimos meses de dar o dato estatístico da porcentaxe de posesión cada vez que analizamos un partido, pero ás veces a estatística engana. Para escribir este artigo fun mirar os datos do encontro e levei unha sorpresa ao comprobar como o Cádiz tivo moitísima máis posesión de balón que o Fortuna, un 64 %, e rematou 16 veces, catro delas entre os tres paus, polos tres remates dos visitantes, os tres a portería.

    Pero a sensación que me deixou o partido, sobre todo a segunda metade, é que o Fortuna dominou o encontro salvo nos primeiros vinte minutos e dispuxo das oportunidades máis claras. Agora mesmo do Cádiz só lembro unha ocasión clara nun córner no que Coke Carrillo se atopa coa pelota tras un remate do excanteirán do Celta Javi Castro.

    Porén, a sensación que teño é que o Fortuna non levou o partido pola actuación do porteiro local, que mantivo vivo ao Cádiz durante os 90 minutos. E fíxoo fronte a un Celta Fortuna no que non debutou ningunha fichaxe —ben por falta de adestramentos ou por problemas burocráticos—, cun once incluso debilitado respecto ao que terminou a temporada pasada, sen Hugo González, Anxo e Antañón de inicio.

    Un debut moi positivo, un debut para coller confianza neste inicio ligueiro e, sobre todo, un debut no que todos os rapaces recibiron o premio á súa temporada anterior.

    Iso si, o partido tamén nos deixa algunhas cosiñas negativas. Non negativas en si mesmas, pero si detalles que o Celta Fortuna ten que corrixir de aquí ao peche do mercado. Queda claro que Marco Garcés ten traballo: este equipo necesita outro dianteiro centro e outro mediocentro con urxencia.

    Non porque o obxectivo sexa gañar o maior número de partidos posible, senón porque os que xa están necesitan competencia, Fredi necesita que todos aumenten o nivel e os xogadores necesitan todo isto para mellorar, progresar e, co tempo, petar a porta do primeiro equipo.

    O Celta Fortuna mola moito. Desfrutémolo. Xa non queda nada para a próxima estrea na casa e, a min persoalmente, vaiseme facer eterno.