Etiqueta: Carlos Dotor

  • Carlos Dotor, á sombra de Chupete

    Carlos Dotor, á sombra de Chupete

    Durante esta temporada temos a sorte de contar cun «espía» en Málaga que nos irá contando de cando en vez como lle está indo a Carlos Dotor durante a súa segunda cesión no Málaga. Oxalá tivésemos infiltrados en todos os equipos para poder contar como lles vai ao resto dos nosos cedidos.

    Por Pancho Flamenco.

    Carlos Dotor comezou a temporada dando un paso adiante no Málaga de Juan Funes. Polivalente, comprometido e cada vez máis importante no funcionamento ofensivo do equipo, o xogador propiedade do Celta atopou un papel particular: converterse na sombra de Chupete, facendo o traballo do dianteiro cando este abandona a súa zona e aparecendo onde máis o necesita o equipo.

    O concepto co que quedo deste inicio ligueiro na Rosaleda do madrileño Carlos Dotor é o do gran xogador á sombra dun novo grande, como o é Chupe.

    Xa de inicio, nun arranque marcado polas lesións, Dotor dá un paso á fronte e acaba formando parte do once inicial que cae derrotado no Metropolitano. De feito, é xusto dicir que forma parte do once que, ata a súa substitución, se mantiña en táboas fronte a un Atlético poderosamente defensivo e ateigado de campións do mundo.

    Isto xa di bastante do compromiso e da integración de Dotor co club e co grupo. O madrileño é, de forma non escrita, unha das voces con poder no vestiario, e a súa implicación no campo así o demostra.

    Na segunda xornada, xa na Rosaleda, volvemos ver o xogador propiedade do Celta de Vigo no once inicial de Funes, nesa demarcación que nin os grafistas de LaLiga EA Sports saben moi ben onde colocar.

    E é que, a pesar de que neses grafismos vexamos que o dorsal número 8 de Carlos Dotor aparece como mediapunta ou «falso 9», o madrileño é, como dicía antes, a sombra dun novo grande, dun novo e aínda mozo grande como Carlos Ruiz «Chupete».

    E cando digo que Dotor está sendo a sombra de Chupete non quero limitarme a expoñer que o seu talento se ve eclipsado polo máximo goleador do Málaga CF na pasada campaña ligueira. É algo máis.

    Dotor, chegando desde o centro do campo, zona na que non se atopa incómodo e desde a que tamén cae ao costado dereito, cumpre á perfección moitas das funcións que realiza Chupe durante a transición das xogadas cara a campo rival. Acaba acompañando a Chupete na dianteira, liberándoo da presión de moitos rivais e gañando tempo para a incorporación dos seus compañeiros á xogada.

    Dotor acaba sendo e facendo de puro 9.

    Dito doutra maneira: Dotor acaba facendo de Chupe cando e onde Chupe non está. E iso, tendo en conta a tremenda calidade e o estado de forma actual do dianteiro cordobés do Málaga, é un traballo máis que notable e digno de destacar.

    Sen dúbida, foi un tremendo acerto e unha das mellores «incorporacións» ao equipo poder recuperar un xogador tan novo, polivalente, comprometido e de enorme calidade. Dotor ten moito fútbol nas botas e, por segunda vez como cedido, está achegando esa solidez ao bloque de xogadores do Málaga CF de Juan Funes.

    Carlos Dotor pode vivir á sombra de Chupete, pero iso non significa que pase desapercibido.