Etiqueta: Balaídos

  • Ante todo: moita calma

    Ante todo: moita calma

    O Celta asinou ante o Athletic os seus peores minutos deste inicio de temporada e pagounos caros. Dous golpes en apenas dous minutos castigaron un equipo irrecoñecible durante a primeira metade que reaccionou tras o descanso, pero volveu evidenciar a súa falta de mordente. Un punto de nove e motivos para preocuparse, si. Para desesperarse, aínda non. Ante todo: moita calma.

    Brais V.

    Ante todo: mucha calma é un álbum gravado en directo pola banda de punk viguesa Siniestro Total. Non se sabe con certeza a orixe da frase nin por que Siniestro decidiu asociala ao grupo, pero todo nos encaixa como unha luva para este artigo e para definir a situación actual do Celta e, sobre todo, para facer un desglose do partido dos celestes contra o Athletic de Bilbao desta fin de semana.

    As rotacións van ser máis necesarias ca nunca esta temporada, máis aínda se temos en conta o calendario vertixinoso ao que se enfrontarán os celestes neste arranque de curso. A estas alturas ninguén debería sorprenderse das aliñacións titulares que presente Giráldez en cada preito. Forma parte do plan.

    A priori, o once titular pintaba «sexy», como me gusta cualificalo. Ganas de ver a Faye, emoción pola titularidade de Hugo González, intentar despexar as dúbidas xustificadas polo estado físico de Carl Starfelt…

    Non arrancou de todo mal o Celta o encontro, xerando perigo ás costas dos centrais do Athletic, pero un par de axustes dos Leóns e o Celta diluíuse por completo, afogando na súa propia pasividade e falta de personalidade.

    O Bilbao non presionaba a saída desde atrás do Celta. Limitábase simplemente a marcar ao home a Moriba e Febas. Os mediocentros celestes estaban moi xuntos, apenas se ofrecían, deixando a responsabilidade da saída de balón aos centrais e carrileiros. Só Álvaro Núñez se movía e intentaba combinar para darlle saída ao xogo, mentres que Carreira pasaba desapercibido e tanto Faye como Javi Rodríguez xogaban cómodos, pero incapaces de arriscar na saída de balón.

    Atascouse o Celta, que se dirixía de forma irremediable e a toda velocidade cara ao final dun canellón sen saída.

    Chegou o minuto vinte de partido e con el o final do canellón e o desastre. Dous minutos, dous rabuñazos do Athletic e o Celta atopábase en sinistro total.

    Non foi un accidente imprevisible. Foi o resultado lóxico da lea na que se metera o propio Celta. Falta de mobilidade, de intensidade defensiva e de argumentos futbolísticos. O Celta de Claudio Giráldez traizoouse a si mesmo e pagou un prezo moi caro.

    Co descanso chegaron catro cambios. Entrou Miguel Román e o Celta deixou de pedir cada balón ao pé, a pelota comezou a fluír con ritmo e apareceron os espazos. Moi bos minutos no arranque da segunda metade.

    Na opinión de quen escribe, o último cambio foi precipitado e erróneo. A entrada de Hugo Álvarez por Swedberg na banda esquerda do ataque, sumada a un mal partido de Sergio Carreira, deixou o Celta sen profundidade e perigo por esa banda.

    Como contra o Valencia, o Celta chegaba, pero non mordía.

    Nin un tiro entre os tres paus na segunda metade, demostrando unha vez máis nesta temporada que ao Celta fáltalle picante arriba, fáltalle colmillo. A ausencia de Borja Iglesias non debería servir como escusa.

    Contra o Athletic estiveron mal todos: adestrador, xogadores… Un punto en tres partidos e sensacións encontradas. Dominio e falta de pegada contra o Valencia, un resultado enganoso contra Osasuna e dez minutos desastrosos contra o Athletic.

    Non vos desesperedes. Este equipo xa demostrou que pode gañar, que está traballado e que os resultados chegarán.

    Ante todo: moita calma.

  • O Regulamento de Schrödinger

    O Regulamento de Schrödinger

    O Celta estreouse en Balaídos cunha derrota ante Osasuna nun partido que parecía controlado ata a expulsión de Marcos Alonso. Os de Claudio Giráldez reaccionaron con fútbol e cabeza mesmo en inferioridade, pero marcharon sen premio nun encontro que volveu deixar sobre a mesa un vello problema: un criterio arbitral cada vez máis difícil de entender

    Brais V.

    O arranque como local do Celta neste Curso Futbolístico 26-27 deixou sensacións agridoce na parroquia viguesa, mal afeita a pasada temporada a un rendemento pobre cando os rapaces de Giráldez exerceron como locais nos 19 preitos disputados no remodelado Balaídos.

    Non me malinterpreten. O Celta non mereceu perder contra Osasuna, diría que todo o contrario. Podíanse intuír cambios no once inicial tendo en conta os tres partidos que o Celta vai disputar en apenas sete días e Claudio sorprendeu relativamente dando entrada a Ilaix Moriba por Aleix Febas, Javi Rueda por Sergio Carreira e cambiando por completo o tridente de ataque, deixando o peso ofensivo nas mans dun Williot Swedberg que se movía máis pola zona central do ataque, un Iago máis atrasado para lanzar as incursións de Javi Rueda pola banda dereita e Pablo Durán con liberdade para caer ás bandas.

    Moriba situouse máis en paralelo con Miguel Román que adiantado como facía a temporada pasada. Aquí hai un aspecto táctico que me gustaría resaltar: Javi Galán ten moita profundidade pola súa banda de forma asociativa, non é un carrileiro ao que darlle toda unha banda para que chegue á liña de fondo atacando espazos da mesma maneira que o fai Rueda. Galán estivo onte moi só no seu carril esquerdo e apenas podía atopar a Marcos Alonso ou aos pivotes para xerar vantaxes.

    O partido en si transcorreu de forma plácida para os rapaces de Claudio, que puxeron en práctica todas as súas virtudes durante a primeira metade. Os tres centrais apenas sufriron e manexaron con fluidez a pelota —destacar o partido de Yoel Lago. Os máis habituais de DSTP Podcast saben que non é un xogador que me guste, pero onte creo que fixo o seu mellor partido no primeiro equipo—, Moriba e Román achegaron sentido táctico e criterio coa pelota, mentres que o tridente ofensivo se encomendou a que Iago crease maxia, pasando Williot e Durán moito máis desapercibidos.

    Así chegou o primeiro tanto celeste desta temporada. Aspas é eterno, e coa súa clase desfíxose dunha pasiva defensa pamplonesa e cun disparo potente e raso bateu a portería navarra cando apenas se cumprira un cuarto de hora de partido.

    Todo se poñía de cara para un Celta ao que lle custa atopar espazos ante equipos pechados, pero que, grazas ao xiro pragmático que Claudio lles deu aos seus, é un rival temible en bloque medio e transición rápida.

    Agora imos pegar un acelerón nesta historia. O partido rompe no minuto 50 coa expulsión de Marcos Alonso. Javi Rueda falla na súa marca, Osasuna empata. O Celta non encaixa ben o golpe e chega o definitivo 1-2 de penalti.

    Aquí si hai un par de cousas que me gustaría destacar. Por unha banda, que o Celta buscase o empate co corazón, pero sobre todo con moitísima cabeza. Non se traizoou a si mesmo, cre na idea de Claudio e trata de executala da mellor maneira posible.

    Os cambios temperáns funcionaron. Carreira e, sobre todo, Hugo Álvarez convertéronse nunha dor de cabeza para Osasuna, mentres que Jones intentaba servir de apoio xogando máis de costas á portería que atacando espazos, situándose de 9. Claudio cambiou a defensa de catro e o equipo, tras repoñerse dos dous golpes asestados polos navarros, recompúxose e nunca lle perdeu a cara ao partido pese a estar en inferioridade practicamente toda a segunda metade.

    Por sorte este é un medio independente e temos a liberdade de poder dicir o que nos veña en gana. Eu vou facelo, utilizando palabrotas e metáforas.

    Hai moitísimas cousas no fútbol actual que me tocan os collóns, pero a que máis é o Regulamento de Schrödinger.

    Hoxe en día no fútbol arbítranse e rearbítranse as xogadas sen ningún criterio. Búscanse os frames exactos para decidir unha cousa ou outra. Depende do momento do partido, depende sobre todo do equipo ao que haxa que xulgar e, por riba de todas as cousas, depende de como espertase o árbitro pola mañá.

    Fronte a Osasuna, o Celta e a parroquia viguesa presentáronse un xoves chuvioso pola tarde en Balaídos coa ilusión xustificada dun novo arranque ligueiro. Intentando ser o máis obxectivo posible, onte a vermella a Marcos Alonso, se paras o frame exacto, está xustificada. Se ao árbitro lle ensinas toda a xogada seguida, aínda que sexa a cámara lenta, é unha tarxeta amarela case laranxa.

    Os árbitros xa non entenden de fútbol, entenden de frames e do que lles digan desde as salas opacas do VAR, VOR ou como carallo se chame.

    Logo pasan os minutos e ves que, noutro partido, unha entrada similar á de Marcos Alonso apenas se sanciona. O Regulamento de Schrödinger volve aparecer na mesma xornada e practicamente á mesma hora.

    O dos frames tamén é algo curioso. Utilizámolos para expulsar un xogador, pero non para reverter un penalti no que se aprecia que o balón toca o peito do xogador e posteriormente a man. Un árbitro xa non imparte xustiza no terreo de xogo, imparte outra cousa que non sabemos que é.

    Osasuna marcha de Balaídos con dezaseis faltas e unha tarxeta amarela. Non é culpa súa. Eles fan o seu traballo á perfección, xogan con intensidade, cortan pola raíz o ritmo de partido do Celta e apenas reciben castigo por iso por parte do colexiado. Queixábase amargamente Claudio en rolda de prensa ao rematar o partido precisamente disto último.

    Que se prepare, porque o seu próximo rival en Balaídos será un Athletic de Bilbao que leva dúas derrotas en dous partidos e que sempre que o enfrontou desde o seu regreso a Primeira División hai quince anos recibiu arbitraxes xustos e parciais.

  • DEIXEN QUE OS RAPACES CAMELEN

    DEIXEN QUE OS RAPACES CAMELEN

    O Celta afronta unha temporada histórica co Fortuna en Segunda e unha canteira que aperta desde abaixo. Quizais chegase o momento de esixir un pouco menos de inmediato e aprender a agardar.

    Por Brais V. | Opinión

    Escríbovos estas liñas desde un retiro autoimposto co único obxectivo de desconectar da imprevisibilidade da vida baixo a escusa vaga de ver unha eclipse «en mellores condicións». Cando se publique este texto xa estarei de volta na casa, cunha escusa cumprida e coas pilas aínda en reserva. Sinceramente, non me importa. Podes intentar escapar da rutina, pero ao final a rutina sempre te acaba atopando. Para min e para moitas persoas coma min, o Celta forma parte da nosa rutina.

    O Celta fainos trampas. Unha das maiores fontes de distracción semanal é agardar á fin de semana para ver o partido dos rapaces de Giráldez. É nese momento cando en Balaídos nos xuntamos cos nosos amigos ou familiares e esquecemos as nosas semanas. No bar o mesmo, na casa tamén… É unha das nosas maiores fontes de dopamina. O Celta non nos permite sufrir ou celebrar sós. O Celta é unión, é comunidade e é unha forma de entender a vida. Pode soar esaxerado, pero se paramos a pensalo un momento non o é. Esaxerado sería dicir que cando nacemos no noso ADN se instala unha especie de código xenético herdado dos nosos pais, que á súa vez o herdaron dos nosos avós, e así remontándonos ata 1923. A miña cabeza racional grítame que é unha estupidez mentres o meu corazón sorrí e murmura que non ten probas, pero tampouco dúbidas.

    Volvendo ao meu retiro. Esquecédevos de desconectar de todo e por completo nun mundo tan conectado. Estaba eu «de chills» aquí con nai, tíos e curmáns na Ribeira Sacra, discutindo parvadas, intentando ver estrelas fugaces e demais historias que pretenden arranxar o mundo, cando se desataron os acontecementos. Ollo, que igual se suspende o partido do domingo polo estado do céspede de Balaídos —mentres preparaba todo isto para subilo confirmouse a suspensión, pero non é o relevante desta historia—. Os insiders de Twitter picando caracteres nos seus teléfonos móbiles e abrindo espazos de audio para esfolar as posibles fichaxes que faga o club de aquí ao final do mercado. Recoñezo que eu tamén o fago. Sería hipócrita non admitilo. Todos temos as nosas fobias e as nosas filias e poucas cousas custan máis que intentar ser obxectivo. A obxectividade é o meu obxectivo a cumprir en setembro cando remata a temporada en xuño, pero ao final en outubro decátome de que me tocará repetir curso.

    Toda esta chapa é a peaxe que tedes que pagar vós, os lectores, para abordar cun pouco de contexto as dúas cuestións que quero tratar neste artigo de opinión. A cuestión superficial é que non aprendemos de temporadas pasadas no que se refire a «matar» xogadores antes mesmo de que estampen a súa sinatura nun contrato e no estoxo de bolígrafos que colecciona Marián Mouriño.

    O exemplo máis recente é o de Andrei Radu a temporada pasada, pero non porque o xogador en si non gustase, senón porque durante semanas se alimentaran constantemente rumores sobre que xogadores poderían chegar para cubrir o oco na portería que acababa de deixar vacante Vicente Guaita. «O Celta non ten porteiro», repetían sen cesar os insiders e mesmo os máis panenkitas. Ao final, o porteiro romanés destacou como un dos mellores porteiros da competición e tan só os problemas físicos, acentuados por ter que forzar ao non dispoñer Claudio dun recambio de garantías, fixeron que Radu parecese un porteiro máis terreal.

    Ao que vou é a que todos debemos ter un pouco máis de paciencia con calquera que vista a celeste. Inclúome. Debemos deixar que o corpo técnico traballe, que os xogadores se adapten ao sistema e se empapen dos automatismos. Que non nos cegue que o novo lle peche a porta a este ou a outro canteirán. Ao final o fútbol manda e Claudio poñerá a cada un no seu sitio. Está demostrado que o que o mereza xogará e o que non verá os seus compañeiros desde o banco ou desde a bancada.

    A cuestión de fondo é máis sinxela de asimilar. Polo menos así o penso.

    É unha temporada histórica, xente.

    Non me refiro a volver xogar competición europea, a disputar a Copa ou mesmo a que sexa a temporada de despedida de Iago Aspas. É histórica polo Fortuna. O ascenso, pensándoo máis en frío, é unha anécdota. O importante aquí é competir. O desafío é marabilloso. Os nosos rapaces do filial, incluída a cantidade inxente de xuvenís que nutrirán o equipo de Fredi, acelerarán aínda máis os procesos de formación.

    A famosa mili da que sempre falamos en DSTP Podcast para os rapaces que teñen perspectiva de poñerse ás ordes de Claudio farana en Vigo. Non terán que marchar a terras afastadas nas que a incerteza dos minutos e a adaptación a un novo sistema ralenticen a súa progresión. Algún de vós estará pensando agora mesmo: «Pois as novas fichaxes do Celta tamén terán que adaptarse». Correcto, pero farano precisamente a un sistema que é un calco do que utiliza o primeiro equipo.

    Insisto: a temporada do Fortuna na Liga Hypermotion é a mellor noticia posible para un club que nos últimos anos deu un xiro de 180º ao seu proxecto deportivo.

    Na miña opinión, o de «club de canteira» ata hai un par de temporadas foi máis mito que realidade. O Celta acudiu á canteira nos seus momentos máis complicados e a xeración de Iago Aspas acudiu ao rescate. Nas temporadas seguintes, o acceso de canteiráns ao primeiro equipo produciuse a contagotas, con xogadores chegados directamente do Celta B e con algún que outro retornado.

    A aposta decidida pola canteira non foi un proxecto claro ata a chegada de Claudio Giráldez ao primeiro equipo. Eu sempre son escéptico coas intencións dos Mouriño. Calquera oínte habitual de DSTP Podcast sábeo. En realidade, sómolo case todos os que pasamos por alí cada semana a debater —ou discutir, segundo se tercie— sobre a actualidade celeste.

    Non quero repetirme, pero o proxecto de canteira «100 %», como proxecto recente, vive o seu mellor momento, é a envexa dos equipos máis poderosos da competición e sitúa o club nunha situación envexable para progresar e medrar a nivel deportivo e social.

    Cada un vive o Celta como quere. Non hai unha forma mellor nin peor e todas son válidas. A algúns impórtalles que no once haxa máis canteiráns que menos. Outros queren fichaxes sexys. Outros son máis resultadistas… Pero si é certo que a corrente maioritaria é a primeira. O «prefiro descender con canteiráns que gañar xogando así» foi un ruxerruxe constante entre as voces máis ruidosas dos últimos anos, agora apaciguadas desde a chegada de Claudio ao primeiro equipo.

    E, con todo, o técnico porriñés descarta canteiráns do primeiro equipo coa facilidade propia de alguén que se sabe coa confianza do club, da prensa e do entorno. É unha bendición, pero unha bendición que palidece ante a perspectiva de que eses mesmos canteiráns se vexan presionados polos que agardan no Fortuna co cabeiro entre os dentes.

    Aquí ninguén pode durmirse.

    Hugo Sotelo, Carlos Domínguez e Manu Fernández vivírono e víveno nas súas propias carnes. Ollo, que non só eles. Ilaix ou Vecino están tamén no punto de mira.

    Como dicía o Fary: «deixen que os rapaces camelen como eles camelan».

    Deixen que se equivoquen, que cometan erros, que se dean de fociños coa crúa realidade do fútbol profesional. O mesmo para Faye e para a xente que poida chegar para o primeiro equipo de aquí ao peche do mercado. Chegan a un equipo que xoga de memoria, con automatismos un tanto complexos no táctico.

    Agardemos a xuño para soltar veleno e verbalizar as nosas frustracións.

    Eu, pola miña parte, farei o enésimo intento. Espero poder conseguilo