Categoría: RC Celta

  • Todo depende dos ollos que o miren

    Todo depende dos ollos que o miren

    O Celta volveu quedar sen vitoria en Getafe nun partido que admite tantas lecturas como ollos o viron. Os de Claudio tiveron argumentos, reaccionaron ao gol local e buscaron a remontada incluso en superioridade, pero regresaron cun só punto. Os resultados lembran ao inicio da pasada temporada; as sensacións, polo menos para quen escribe, non tanto.

    Brais V

    Comentando o partido contra o Getafe con compañeiros de podcast, amiguetes e lendo opinións nas redes sociais de distintos afeccionados, decátome de que todos vemos e interpretamos os partidos de maneira moi distinta. É incrible como pode variar tanto un mesmo feito dependendo dos ollos de quen o mire. Por iso non me atrevo a facer unha análise do partido. Son consciente de que todo o que poida escribir aquí será extremadamente subxectivo e moitísima xente estará en desacordo comigo.

    Aclarado isto, e deixando a porta aberta a que quen queira escriba a súa opinión ou análise para ser publicada nesta web, imos co sucedido en Getafe e coa situación actual do equipo.

    Claudio Giráldez volveu rotar, presentando un once inicial de perfil máis físico e intentando igualar ese estilo pasivo-agresivo que adoita presentar o Getafe de Bordalás. O plan inicial non lle saíu de todo mal a Claudio, xa que o Celta foi capaz de soster o partido practicamente sen problemas, salvo algún susto puntual.

    Como na primeira parte ante Osasuna ou como contra a Real Sociedad, o Celta mostrouse seguro en defensa pese ao mal partido de Marcos Alonso na primeira metade, pero cun solvente Yoel Lago situado na posición habitual de Javi Rodríguez, que neste inicio de temporada se está mostrando como o mellor e máis regular da zaga celeste.

    Jones avanzaba polo seu carril chegando constantemente á liña de fondo, pero sen xerar excesivo perigo, mentres que Javi Galán non conseguía profundar polo seu. Miguel Román adiantábase respecto a Ilaix Moriba intentando dar fluidez e conectar co tridente atacante formado por Hugo González, Pablo Durán e Iago Aspas.

    Aquí entra en xogo o primeiro parágrafo deste artigo: mentres quen lles escribe apreciaba unha tediosa primeira metade na que só se conseguía xerar pola banda dereita de Jones, sacando algún que outro córner, outros dos meus compañeiros de podcast vían a mellor primeira parte da temporada.

    Sexa como for, un tedioso Getafe atopouse cun gol nun saque de esquina no que un rebote lle serviu a Martín Satriano un balón perdido no corazón da área. Demasiado premio para un Getafe que apenas xerara perigo, mentres o Celta xa lle dera un sobresalto cunha gran xogada individual de Hugo González.

    Chegábase ao descanso coa vitoria local, excesivo castigo para un Celta que fixera máis e mellores cousas durante os primeiros corenta e cinco minutos.

    Non arrancou mal a segunda metade o Celta, consciente de que tiña armas suficientes para facerlle dano ao Getafe. Así chegamos ao momento no que Hugo González, co guante da súa perna dereita, serviu un córner de forma maxistral que Carl Starfelt cabeceou ao fondo da rede defendida por David Soria.

    O Celta metíase no partido pouco despois de arrancar a segunda metade e lexitimamente soñaba cunha posible remontada que lle dese os primeiros tres puntos da temporada.

    Claudio demostrouno poucos minutos despois de conseguir o empate, dando entrada a xogadores dun perfil máis técnico e habilidoso. Cambiaron os carrileiros coa entrada de Sergio Carreira e Javi Rueda, mentres que Driouech entrou para darlle maior profundidade a unha banda esquerda que estivera practicamente deserta durante todo o partido.

    No minuto 67 o Getafe quedou con dez tras a expulsión por dobre amarela de Zaid Romero. Entrou Borja Iglesias e, máis tarde, Ferran Jutglá para buscar o ansiado segundo gol. Tívoo Hugo González cun cabezazo no corazón da área que, para mala sorte do valenciano, saíu potente pero demasiado centrado.

    Como recoñeceu Claudio na rolda de prensa posterior ao partido, o Celta intentouno con máis corazón que cabeza e o encontro rematou cun reparto de puntos relativamente inxusto para os visitantes.

    gora mesmo hai moita xente intentando comparar este inicio ligueiro co da temporada pasada. É xusto, os resultados son os que son e o arranque é similar, pero, na miña humilde opinión, este ano as sensacións que me transmite o equipo e incluso a linguaxe non verbal de Claudio cando o enfocan durante os partidos non me transmiten a mesma seguridade e tranquilidade da temporada pasada.

    Non estou preocupado como o estaba a temporada pasada, pero si me dá a sensación de que hai bastantes máis nervios que no inicio do curso anterior. Si detecto certo runrún nas redes ou na prensa que antes non sentía.

    Supoño que será a presión de cumprir coas expectativas da afección e do Club, que xa presionou a Claudio para solventar a situación económica apelando a unha boa participación na Europa League que aliviaría a eterna necesidade do Celta de desprenderse dos seus maiores activos ao final de cada temporada. Esta vez non o fixeron e deixaron nas mans de Claudio a pataca quente.

    A comparación absurda co Deportivo tampouco axuda en nada. Non xogamos na mesma liga, aínda que disputemos a mesma competición. O Celta é un club de ourivería en certo modo, de autor. O Deportivo representa o peor do fútbol moderno monopolizado polos clubs-estado ou polos clubs-banco, como o son eles agora.

    Seguinte parada: Racing de Santander na casa. Boa ocasión para sacudirse a presión e a ansiedade.

    Para rematar, gustaríame deixar un dato que me resulta curioso: desde a vitoria en Lyon da temporada pasada, o Celta só gañou catro dos dezasete partidos disputados, con vinte goles a favor e vinte e oito en contra.

  • Ante todo: moita calma

    Ante todo: moita calma

    O Celta asinou ante o Athletic os seus peores minutos deste inicio de temporada e pagounos caros. Dous golpes en apenas dous minutos castigaron un equipo irrecoñecible durante a primeira metade que reaccionou tras o descanso, pero volveu evidenciar a súa falta de mordente. Un punto de nove e motivos para preocuparse, si. Para desesperarse, aínda non. Ante todo: moita calma.

    Brais V.

    Ante todo: mucha calma é un álbum gravado en directo pola banda de punk viguesa Siniestro Total. Non se sabe con certeza a orixe da frase nin por que Siniestro decidiu asociala ao grupo, pero todo nos encaixa como unha luva para este artigo e para definir a situación actual do Celta e, sobre todo, para facer un desglose do partido dos celestes contra o Athletic de Bilbao desta fin de semana.

    As rotacións van ser máis necesarias ca nunca esta temporada, máis aínda se temos en conta o calendario vertixinoso ao que se enfrontarán os celestes neste arranque de curso. A estas alturas ninguén debería sorprenderse das aliñacións titulares que presente Giráldez en cada preito. Forma parte do plan.

    A priori, o once titular pintaba «sexy», como me gusta cualificalo. Ganas de ver a Faye, emoción pola titularidade de Hugo González, intentar despexar as dúbidas xustificadas polo estado físico de Carl Starfelt…

    Non arrancou de todo mal o Celta o encontro, xerando perigo ás costas dos centrais do Athletic, pero un par de axustes dos Leóns e o Celta diluíuse por completo, afogando na súa propia pasividade e falta de personalidade.

    O Bilbao non presionaba a saída desde atrás do Celta. Limitábase simplemente a marcar ao home a Moriba e Febas. Os mediocentros celestes estaban moi xuntos, apenas se ofrecían, deixando a responsabilidade da saída de balón aos centrais e carrileiros. Só Álvaro Núñez se movía e intentaba combinar para darlle saída ao xogo, mentres que Carreira pasaba desapercibido e tanto Faye como Javi Rodríguez xogaban cómodos, pero incapaces de arriscar na saída de balón.

    Atascouse o Celta, que se dirixía de forma irremediable e a toda velocidade cara ao final dun canellón sen saída.

    Chegou o minuto vinte de partido e con el o final do canellón e o desastre. Dous minutos, dous rabuñazos do Athletic e o Celta atopábase en sinistro total.

    Non foi un accidente imprevisible. Foi o resultado lóxico da lea na que se metera o propio Celta. Falta de mobilidade, de intensidade defensiva e de argumentos futbolísticos. O Celta de Claudio Giráldez traizoouse a si mesmo e pagou un prezo moi caro.

    Co descanso chegaron catro cambios. Entrou Miguel Román e o Celta deixou de pedir cada balón ao pé, a pelota comezou a fluír con ritmo e apareceron os espazos. Moi bos minutos no arranque da segunda metade.

    Na opinión de quen escribe, o último cambio foi precipitado e erróneo. A entrada de Hugo Álvarez por Swedberg na banda esquerda do ataque, sumada a un mal partido de Sergio Carreira, deixou o Celta sen profundidade e perigo por esa banda.

    Como contra o Valencia, o Celta chegaba, pero non mordía.

    Nin un tiro entre os tres paus na segunda metade, demostrando unha vez máis nesta temporada que ao Celta fáltalle picante arriba, fáltalle colmillo. A ausencia de Borja Iglesias non debería servir como escusa.

    Contra o Athletic estiveron mal todos: adestrador, xogadores… Un punto en tres partidos e sensacións encontradas. Dominio e falta de pegada contra o Valencia, un resultado enganoso contra Osasuna e dez minutos desastrosos contra o Athletic.

    Non vos desesperedes. Este equipo xa demostrou que pode gañar, que está traballado e que os resultados chegarán.

    Ante todo: moita calma.

  • O Regulamento de Schrödinger

    O Regulamento de Schrödinger

    O Celta estreouse en Balaídos cunha derrota ante Osasuna nun partido que parecía controlado ata a expulsión de Marcos Alonso. Os de Claudio Giráldez reaccionaron con fútbol e cabeza mesmo en inferioridade, pero marcharon sen premio nun encontro que volveu deixar sobre a mesa un vello problema: un criterio arbitral cada vez máis difícil de entender

    Brais V.

    O arranque como local do Celta neste Curso Futbolístico 26-27 deixou sensacións agridoce na parroquia viguesa, mal afeita a pasada temporada a un rendemento pobre cando os rapaces de Giráldez exerceron como locais nos 19 preitos disputados no remodelado Balaídos.

    Non me malinterpreten. O Celta non mereceu perder contra Osasuna, diría que todo o contrario. Podíanse intuír cambios no once inicial tendo en conta os tres partidos que o Celta vai disputar en apenas sete días e Claudio sorprendeu relativamente dando entrada a Ilaix Moriba por Aleix Febas, Javi Rueda por Sergio Carreira e cambiando por completo o tridente de ataque, deixando o peso ofensivo nas mans dun Williot Swedberg que se movía máis pola zona central do ataque, un Iago máis atrasado para lanzar as incursións de Javi Rueda pola banda dereita e Pablo Durán con liberdade para caer ás bandas.

    Moriba situouse máis en paralelo con Miguel Román que adiantado como facía a temporada pasada. Aquí hai un aspecto táctico que me gustaría resaltar: Javi Galán ten moita profundidade pola súa banda de forma asociativa, non é un carrileiro ao que darlle toda unha banda para que chegue á liña de fondo atacando espazos da mesma maneira que o fai Rueda. Galán estivo onte moi só no seu carril esquerdo e apenas podía atopar a Marcos Alonso ou aos pivotes para xerar vantaxes.

    O partido en si transcorreu de forma plácida para os rapaces de Claudio, que puxeron en práctica todas as súas virtudes durante a primeira metade. Os tres centrais apenas sufriron e manexaron con fluidez a pelota —destacar o partido de Yoel Lago. Os máis habituais de DSTP Podcast saben que non é un xogador que me guste, pero onte creo que fixo o seu mellor partido no primeiro equipo—, Moriba e Román achegaron sentido táctico e criterio coa pelota, mentres que o tridente ofensivo se encomendou a que Iago crease maxia, pasando Williot e Durán moito máis desapercibidos.

    Así chegou o primeiro tanto celeste desta temporada. Aspas é eterno, e coa súa clase desfíxose dunha pasiva defensa pamplonesa e cun disparo potente e raso bateu a portería navarra cando apenas se cumprira un cuarto de hora de partido.

    Todo se poñía de cara para un Celta ao que lle custa atopar espazos ante equipos pechados, pero que, grazas ao xiro pragmático que Claudio lles deu aos seus, é un rival temible en bloque medio e transición rápida.

    Agora imos pegar un acelerón nesta historia. O partido rompe no minuto 50 coa expulsión de Marcos Alonso. Javi Rueda falla na súa marca, Osasuna empata. O Celta non encaixa ben o golpe e chega o definitivo 1-2 de penalti.

    Aquí si hai un par de cousas que me gustaría destacar. Por unha banda, que o Celta buscase o empate co corazón, pero sobre todo con moitísima cabeza. Non se traizoou a si mesmo, cre na idea de Claudio e trata de executala da mellor maneira posible.

    Os cambios temperáns funcionaron. Carreira e, sobre todo, Hugo Álvarez convertéronse nunha dor de cabeza para Osasuna, mentres que Jones intentaba servir de apoio xogando máis de costas á portería que atacando espazos, situándose de 9. Claudio cambiou a defensa de catro e o equipo, tras repoñerse dos dous golpes asestados polos navarros, recompúxose e nunca lle perdeu a cara ao partido pese a estar en inferioridade practicamente toda a segunda metade.

    Por sorte este é un medio independente e temos a liberdade de poder dicir o que nos veña en gana. Eu vou facelo, utilizando palabrotas e metáforas.

    Hai moitísimas cousas no fútbol actual que me tocan os collóns, pero a que máis é o Regulamento de Schrödinger.

    Hoxe en día no fútbol arbítranse e rearbítranse as xogadas sen ningún criterio. Búscanse os frames exactos para decidir unha cousa ou outra. Depende do momento do partido, depende sobre todo do equipo ao que haxa que xulgar e, por riba de todas as cousas, depende de como espertase o árbitro pola mañá.

    Fronte a Osasuna, o Celta e a parroquia viguesa presentáronse un xoves chuvioso pola tarde en Balaídos coa ilusión xustificada dun novo arranque ligueiro. Intentando ser o máis obxectivo posible, onte a vermella a Marcos Alonso, se paras o frame exacto, está xustificada. Se ao árbitro lle ensinas toda a xogada seguida, aínda que sexa a cámara lenta, é unha tarxeta amarela case laranxa.

    Os árbitros xa non entenden de fútbol, entenden de frames e do que lles digan desde as salas opacas do VAR, VOR ou como carallo se chame.

    Logo pasan os minutos e ves que, noutro partido, unha entrada similar á de Marcos Alonso apenas se sanciona. O Regulamento de Schrödinger volve aparecer na mesma xornada e practicamente á mesma hora.

    O dos frames tamén é algo curioso. Utilizámolos para expulsar un xogador, pero non para reverter un penalti no que se aprecia que o balón toca o peito do xogador e posteriormente a man. Un árbitro xa non imparte xustiza no terreo de xogo, imparte outra cousa que non sabemos que é.

    Osasuna marcha de Balaídos con dezaseis faltas e unha tarxeta amarela. Non é culpa súa. Eles fan o seu traballo á perfección, xogan con intensidade, cortan pola raíz o ritmo de partido do Celta e apenas reciben castigo por iso por parte do colexiado. Queixábase amargamente Claudio en rolda de prensa ao rematar o partido precisamente disto último.

    Que se prepare, porque o seu próximo rival en Balaídos será un Athletic de Bilbao que leva dúas derrotas en dous partidos e que sempre que o enfrontou desde o seu regreso a Primeira División hai quince anos recibiu arbitraxes xustos e parciais.

  • Claudio contra as matemáticas: catro millóns de onces e unha certeza

    Claudio contra as matemáticas: catro millóns de onces e unha certeza

    Acertar un once de Claudio Giráldez é case unha cuestión de fe. O técnico volveu sorprender no debut ligueiro ante o Valencia cun equipo que respondeu ao seu plan, competiu e apenas sufriu. O Celta deixou certezas, pero tamén unha evidencia a oito días do peche do mercado: faltan talento, desequilibrio e esa chispa capaz de transformar posesión en perigo. Agora tócalle a Marco Garcés darlle armas a Claudio.

    Brais V

    En canto a conta de X do RC Celta publicou o once inicial que Claudio Giráldez utilizaría para a estrea ligueira da temporada 26/27, xurdiron en min sentimentos estraños que poucas veces experimentara antes. Por unha banda, lembraba o once que lle dera por seguro a David no último episodio de DSTP Podcast e o bochorno e o ridículo percorreron toda a miña alma de arriba abaixo. É certo que estes sentimentos nunca me foron alleos —por sorte ou por desgraza—, pero recompúxenme con certo éxito e entón a miña cabeza abandonou o meu eu habitual, puxo a capa do Doutor Estraño e comezou a debuxar todos os futuros onces posibles.

    Que Claudio nunca repita aliñación pasou por todos os estados do meme posibles. Comezou como un meme que asustaba e facía que levásemos as mans á cabeza mentres nos mirabamos uns aos outros e nos preguntabamos: pero que fai? Pouco a pouco o meme evolucionou. Pasou do medo ao simple susto, despois chegou o «Claudio sabe o que fai», asentouse como «dá igual a quen poña, saen once cabróns que dan a cara e renden». Agora xa estamos afeitos e o once case que nos dá igual.

    E aquí é onde entra o meu eu convertido nun médico con poderes sobrenaturais capaces de alterar a realidade. Por desgraza son un ser humano normal, así que lle pedín axuda á intelixencia artificial para resolvelo. Sempre se me deron ben as matemáticas, pero entre que non fago unha multiplicación sen calculadora desde hai vinte e cinco anos e que esta fin de semana invita á preguiza, acudín á axuda de Ultrón —por seguir coas metáforas dos Vingadores— para resolver a miña dúbida: despois de máis de cen partidos seguidos sen repetir aliñación, é máis fácil acertar un once de Claudio ou a lotería? A pregunta, ridícula en si mesma xa que non achega ningún tipo de valor ou dato salientable, considero que é lexítima. A resposta do meu Ultrón particular non deixou lugar a dúbidas.

    Matematicamente, a comparación é demoledora. Se imaxinásemos, simplificando moitísimo, que Giráldez puidese escoller calquera combinación de 11 xogadores dun cadro de 25, existen 4.457.400 onces distintos. Iso sería aproximadamente unha posibilidade entre 4,46 millóns de acertar o once exacto escollendo completamente ao chou.

    Ollo con esta historia, porque predicir que once vai sacar Claudio debe ser un verdadeiro quebracabezas para os adestradores rivais á hora de preparar un partido contra os celestes. En O gran Lebowski, Walter dicíalle ao Nota que «a beleza dun plan reside na súa sinxeleza». Giráldez fai todo o contrario. Non é sinxelo acertar un once, non é sinxelo preparar un plan de partido contra o seu equipo, pero esta complexidade simplifica a xestión do grupo e permite ter a todos os xogadores enchufados. A complexidade como vehículo para alcanzar a sinxeleza.

    Magnus Carlsen, o mellor xogador da historia, cando lle preguntaron se consideraba a Bobby Fischer un xenio respondeu que si, porque facía parecer sinxelo o que en realidade era moi difícil. Paréceme unha boa definición do que é a xenialidade. Acabo de darme conta de que a afirmación que fixo o noso compañeiro de podcast Rodri Lagoa hai tres temporadas e media é certa: Claudio Giráldez é un xenio

    Estou seguro de que a vós, lectores, o once de Claudio contra o Valencia tamén vos voou a cabeza. Creo que a todos nos xeraban dúbidas as titularidades de Jones El Abdellaoui e Javi Galán despois da súa pouca participación no treito final da pretemporada.

    Como explicou Claudio en rolda de prensa tras o partido, o plan de partido do Celta desenvolveuse á perfección. Comezaron os de Giráldez arroupados e convencidos de entregarse a unha defensa férrea capaz de aguantar as acometidas iniciais dun voluntarioso Valencia, pero coa vista posta en atacar o espazo e as costas dos defensas ches grazas á velocidade e profundidade que ofrecen Ferran Jutglá e Jones El Abdellaoui.

    Co paso dos minutos o Celta fíxose co balón. É difícil que non o consiga con Aleix Febas e Miguel Román, dous xogadores capaces de mover a pelota con fluidez con apenas un ou dous toques. Jones, sempre incisivo pola súa banda, conseguía recibir con certa vantaxe ao espazo, pero non atopaba un socio ao que poñerlle un balón perigoso na área valencianista. Jutglá, sempre voluntarioso, non é un dianteiro que ataque a área. Loce moito máis acompañado doutro dianteiro que lle permita moverse entre liñas e atacar os espazos en transicións rápidas.

    A banda esquerda celeste mantiña un xogo máis pausado e combinativo que só se viu alterado por algunha incursión de Javi Galán. O trío de centrais formado por Javi, Yoel e Marcos apenas sufriu salvo nalgunha xogada illada, despexou todos os centros locais con certa solvencia e só se viu sorprendido nunha transición ofensiva do Valencia que atopou unha autoestrada no carril esquerdo celeste, froito dun mal balance defensivo que Radu resolveu con solvencia. A mellor ocasión celeste da primeira metade estivo nas botas de Javi Rodríguez, pero o seu disparo desde a frontal topou coa man de Dimitrievski.

    Tras o descanso, e co ímpeto inicial local completamente diluído, os rapaces de Giráldez fixéronse co balón. Aleix Febas marcou o tempo do partido e por momentos o encontro converteuse nun monólogo visitante.

    Cando mellor estaban os celestes chegaron os cambios de Claudio, que deu entrada a Williot Swedberg por Hugo Álvarez buscando un pouco máis de mordente polo carril esquerdo e, minutos máis tarde, realizou un triplo cambio que cortou por completo o momentum no que se atopaba o Celta.

    Iago Aspas entrou por Jones, abandonando o carril dereito e situándose máis centrado e atrasado, deixando toda a banda dereita para Javi Rueda, que entrara en substitución de Javi Galán. Sergio Carreira situouse nese momento no carril esquerdo. O cambio máis sorprendente produciuse cando, en substitución de Ferran Jutglá, Claudio deu entrada a Pablo Durán. Tanto o sueco como o de Tomiño pasaron totalmente desapercibidos durante o resto do partido.

    Iago Aspas, sempre voluntarioso, axudou a manter o balón no balcón da área rival, pero o Celta perdeu verticalidade e mordente. A boa circulación de balón e a posesión celeste non se traduciron en perigo. Só un descomunal Sergio Carreira e Marcos Alonso conseguiron combinarse para xerar dano pola banda esquerda. Un disparo do madrileño que marchou rozando o pau longo valencianista foi a mellor ocasión visitante da segunda metade.

    Ilaix Moriba, co espertador funcionando durante a semana e despois de que Claudio sinalase na rolda de prensa previa ao partido que aprendera do toque de atención recibido ao quedar fóra da xira italiana de pretemporada, entrou por Aleix Febas axudando nos labores de contención e facendo que Radu apenas tivese traballo na segunda metade. O romanés resolveu o xogo aéreo que propoñían os valencianistas e só sentiu certo perigo nun contraataque que Danjuma desperdiciou enviando o balón aos xardíns do Turia cando se atopaba case man a man co porteiro celeste.

    A estrea ligueira foi un partido cheo de certezas e con moi poucas incógnitas. O Celta é un equipo sólido, rochoso e xeneroso no esforzo. Todos entenden os seus roles e todos reman ás ordes de Claudio Giráldez, pero a este Celta fáltalle chispa, fáltalle exactamente o que perdeu coa marcha de Óscar Mingueza e Fer López.

    Falta ese último pase, falta maldade e falta desequilibrio. O cadro de Claudio adoece dese xogador «máxico» que poña patas arriba a defensa rival, que revolucione ou axite un partido. O verso libre, o fútbol de antano que Iago ten na súa cabeza pero que, por desgraza e por mor da idade, apenas conserva nas súas pernas.

    O Celta en faceta ofensiva xa non pode entregalo todo aos pés do xenio de Moaña. Ten un El Abdellaoui que necesita «cocción» e comprensión do xogo; un Hugo Álvarez case sempre tímido; un Jutglá solitario; un Pablo Durán sempre guerreiro pero falto de talento; un Williot capaz do mellor ou de non ter a cabeza metida no partido; e un Borja Iglesias un ano máis vello, que terminou a temporada pasada arrastrando problemas físicos e con apenas pretemporada.

    Falta talento, falta desequilibrio, e esa é a tarefa que ten que resolver Marco Garcés nos oito días que quedan de mercado. Do seu acerto depende que o Celta dea un paso adiante ou se manteña nun nivel semellante ao da temporada pasada.

    Se hai uns anos todos pediamos que lle desen armas a Iago, agora pedimos que llas dean a Claudio.

  • O Celta pecha a pretempada mirando de ti a ti ao Nápoles

    O Celta pecha a pretempada mirando de ti a ti ao Nápoles

    Claudio Giráldez está moi satisfeito. A súa linguaxe corporal delátao e, por se a alguén lle quedaba algún indicio de dúbida, ao finalizar o partido fronte ao Nápoles que poñía o punto final á pretemporada celeste verbalizouno abertamente en declaracións concedidas aos medios oficiais do club. A explicación da satisfacción do preparador porriñés atópase no demostrado polos seus rapaces sobre o verde durante todo o verán e confirmado esta última semana na minixira do Celta por terras italianas.

    Tras a contundente vitoria fronte ao Sassuolo hai uns días, o Celta presentouse en Castel di Sangro para afrontar un último desafío antes do inicio da competición doméstica a próxima fin de semana. O todopoderoso Nápoles, que participará na Champions esta nova tempada que está a piques de comezar, serviría para calibrar o estado de forma no que se atopan os pupilos de Giráldez.

    Rival serio, con xogadores de renome e notable experiencia, os italianos comezaron o partido cun ritmo altísimo que superou os celestes durante os primeiros minutos de xogo. Incapaz de sacudirse o dominio local, no minuto once de partido o Celta encaixaba o seu cuarto gol a balón parado dos seis recibidos en total durante esta pretemporada. Este aspecto do xogo é un dos puntos nos que o club e o corpo técnico focalizaron os seus esforzos de cara á próxima tempada, intentando corrixir un mal endémico que persegue o Celta durante os últimos anos.

    O debutante Abdoulaye Faye —titular no seu debut— viuse sorprendido na marca tras un centro envelenado dos locais e Di Lorenzo cabeceou ao fondo da rede dun Andrei Ionuț Radu que pouco puido facer.

    O Celta medra co paso dos minutos

    Custoulle ao Celta sacudirse o dominio local. O Nápoles dispuxo dalgunha que outra boa ocasión, pero desta vez si topou co porteiro romanés e co longueiro. O Celta comezou entón a medrar, liderado por uns enormes Febas e Hugo Burcio, que se apoderaron por completo do tempo e do ritmo do xogo.

    Carl Starfelt, moi esixido polo xigante dianteiro Højlund, comezou a gañar a batalla corpo a corpo no seu particular duelo nórdico e o Nápoles deixou de atopar a maneira de chegar con tanta claridade ás inmediacións da área viguesa, agás polas internadas pola banda esquerda de Alisson Santos.

    O Celta comezaba a chegar. Jones El-Abdellaoui e Álvaro Núñez voaban polos seus carrís e o equipo comezaba a despregar ese xogo rápido e vertical en transición, sinal de identidade do Celta 2.0 de Claudio Giráldez.

    Gustaríame destacar especialmente o partido de Jones e Álvaro. O primeiro está a demostrar esforzo, sacrificio e unha aprendizaxe sen balón a marchas aceleradas, pero aínda lle falta comprensión e maldade na finalización das xogadas de ataque. Cando o consiga e madure, será un xogador importante no cadro de xogadores.

    Pola súa banda, Álvaro Núñez parece xa recuperado da pubalxia coa que chegou a Vigo no pasado mercado de inverno. Vai collendo ritmo e forma e, aínda que contra o Nápoles exerceu de carrileiro esquerdo, deu un auténtico recital de despregamento físico nos dous lados do campo, unido a unha sobresaliente pausa coa pelota.

    Hugo Burcio tira a porta abaixo

    Tras o descanso, Jones e Javi Rodríguez deixaron o seu sitio a Yoel Lago e Javi Rueda. Febas, Burcio e un Antañón máis escorado á banda continuaban marcando o ritmo do partido. O Nápoles deu paso a un carrusel de cambios e resultou sorprendente ver como era o Celta o que daba un paso adiante fisicamente, mentres que eran os italianos os que parecían non ter realizado ningún cambio.

    Hugo Burcio deu un auténtico recital táctico, posicional e físico. O golpe enriba da mesa foi contundente, elevando un nivel que xa fora moi alto durante toda a pretemporada e poñéndolles as cousas moi complicadas tanto a Claudio como aos seus compañeiros de posición.

    Aleix Febas e Miguel Román parten como presumible parella de centrocampistas «titular» para o primeiro partido de Liga, pero ninguén pode durmirse. Ilaix Moriba e Matías Vecino continúan sendo xogadores do primeiro equipo, pero agora mesmo hai dous rapaces do Fortuna dispostos a arrincarlles as pegatinas e adiantalos pola dereita.

    Diso vai este rollo e disto vai o proxecto deportivo do Celta: de que ninguén se durma e apareza xente desde abaixo disposta a tirar a porta abaixo.

    Tras o partido, Claudio Giráldez confirmou que Hugo González o fixera e que gañara un posto no primeiro equipo grazas ao seu traballo durante a pasada tempada e este verán. A peaxe que pagará o Celta Fortuna será moi grande en todos os casos que citamos, pero estará cumprindo á perfección a súa función.

    Jutglà atopa o premio á presión

    O gol do empate celeste chegou no minuto 64 grazas a Ferran Jutglà. O dianteiro catalán fora unha illa en ataque ata ese momento. Non caeu tanto ás bandas nin tivo tanta incidencia como no pasado partido contra o Sassuolo, pero a súa insistencia na presión a Kevin De Bruyne no balcón da área permitiulle encarar o porteiro italiano, desfacerse del cun regate non exento de calidade e rematar comodamente a porta baleira.

    Tras o gol continuaron os clásicos carruseis de cambios de pretemporada e o partido rematou con ocasións para ambos os equipos.

    As sensacións están aí. Agora toca gañar

    O importante non foi o resultado, foron as sensacións. Pechouse a pretemporada contra un rival esixente e nunca se lle perdeu a cara ao partido. Competíuse. O Celta de Claudio faino case sempre. Xogouse a un ritmo moi alto malia tratarse dun amigable de verán e o equipo chega a tope para o comezo da tempada a próxima fin de semana contra Osasuna.

    Pero de sensacións non se vive. Vívese de goles e vívese de vitorias.

    Quedan movementos de xogadores por producirse, tanto entradas como saídas, pero estamos tranquilos. Claudio sempre espreme ata a última pinga de fútbol dos seus xogadores.

    Nunha semana volverémonos ler e veremos que tal nos foi. Que non haxa dramas nin euforia sobrerreaccionada, isto é moi longo. Temos as armas e a motivación de estar ante a última tempada de Iago. Temos un adestrador e uns xogadores que non se conforman, que queren máis e que deixarán sempre todo no campo.

    Fagamos o mesmo.