Categoría: Celta Fortuna

  • O Fortuna xa compite entre os maiores

    O Fortuna xa compite entre os maiores

    O Celta Fortuna estreouse no fútbol profesional cun empate ante un histórico como o Cádiz CF nun partido marcado polo mal estado do terreo de xogo. Os rapaces de Fredi superaron os nervios iniciais, competiron de ti a ti e deixaron a sensación de que están preparados para o enorme desafío que teñen por diante.

    Por Brais V.

    Este sábado 15 de agosto de 2026, o Celta Fortuna disputou por primeira vez un partido de competición oficial como equipo profesional. Fíxoo ante un rival histórico, o Cádiz CF, no seu propio estadio, e os rapaces de Fredi superaron con nota a primeira proba de lume.

    Non quero soar como Xavi Hernández cando toda a súa análise e discurso futbolístico xiraban arredor do estado do céspede dos distintos estadios repartidos pola xeografía española, pero parecía que o JP Financial Estadio sementara o céspede que hai uns días levantaron en Balaídos, afectado por ese fungo que atrasou o inicio de temporada do primeiro equipo.

    Bromas á parte, non podemos obviar o condicionante que supuxo para o desenvolvemento do partido o mal estado do terreo de xogo. Os futbolistas de ambos os equipos loitaron contra as circunstancias para desempeñar o seu oficio coa maior dignidade posible. Non foi fácil. Remates moi desviados, controis que se ían longos, botes estraños… Unha mágoa que un primeiro partido de Liga quedase un pouco deslucido polas malas condicións do terreo de xogo. Eu son da opinión de que o fútbol se reencontra co seu romanticismo máis primixenio cando se xoga en campos embarrados ou cheos de pozas, pero para a segunda categoría do fútbol español o espectáculo redúcese bastante.

    Indo ao partido en si, que é o realmente importante neste pequeno artigo, o Fortuna comezou cos nervios propios do debut. O peso da historia, os ollos dunha cidade e dunha afección postos sobre un grupo de rapaces que levaron a canteira ao seguinte nivel pesaron sobre os de Fredi durante os primeiros minutos, nos que un Cádiz que imprimía un ritmo moi alto e aproveitaba os nervios visitantes chegaba de forma insistente á portería defendida por Coke Carrillo.

    O Fortuna é un equipo rochoso en defensa. O seu trío de centrais, formado desta vez por Joel López, Pablo Meixús e Quique Ribes, despexaba con solvencia as constantes chegadas gaditanas. Vinte minutos tardaron os celestes en liberarse do dominio local, apoiando o seu xogo na descarga sobre Álvaro Marín mentres Hugo Burcio e Capde ían aparecendo pouco a pouco no partido.

    Tardaron os de Fredi en entrar no preito, pero cando o fixeron demostraron ser un equipo traballado, solidario e con capacidade para chegar á área rival con transicións rápidas. De feito, as ocasións máis claras da primeira metade estiveron protagonizadas polos celestes, que coquetearon co gol cun gran disparo de Ángel Arcos desde o pico da área que se topou coa man salvadora de Ezkieta —sen lugar a dúbidas, o mellor xogador local e seguramente do partido— e nunha das clásicas transicións ofensivas endiañadas do Fortuna que Kibet desaproveitou cun mal control cando quedaba só diante do porteiro.

    Aquí vou varrer para a casa e dicir que o control se lle foi longo polo mal estado do céspede. Cando se trata de defender os rapaces, elixo crer en conspiracións.

    O Fortuna marchaba ao descanso con mellores sensacións que media hora antes e coa moral á alza ao comprobar que era capaz de tratar de ti a ti ao Cádiz na súa estrea ligueira.

    Fredi introduciu cambios para a segunda parte. Entraron Andrés Antañón por Kibet —para quen escribe estas liñas, un dos xogadores máis destacados da primeira metade celeste— e Anxo por un Milla moi desconectado. Ambos os xogadores, en dinámica do primeiro equipo e que se presumen titulares no Fortuna cando non vaian contar con minutos cos maiores, déronlle outro aire a un equipo que, co paso dos minutos, foise apropiando do partido.

    O meu bo amigo e membro distinguido de DSTP Podcast Jorge convenceume nos últimos meses de dar o dato estatístico da porcentaxe de posesión cada vez que analizamos un partido, pero ás veces a estatística engana. Para escribir este artigo fun mirar os datos do encontro e levei unha sorpresa ao comprobar como o Cádiz tivo moitísima máis posesión de balón que o Fortuna, un 64 %, e rematou 16 veces, catro delas entre os tres paus, polos tres remates dos visitantes, os tres a portería.

    Pero a sensación que me deixou o partido, sobre todo a segunda metade, é que o Fortuna dominou o encontro salvo nos primeiros vinte minutos e dispuxo das oportunidades máis claras. Agora mesmo do Cádiz só lembro unha ocasión clara nun córner no que Coke Carrillo se atopa coa pelota tras un remate do excanteirán do Celta Javi Castro.

    Porén, a sensación que teño é que o Fortuna non levou o partido pola actuación do porteiro local, que mantivo vivo ao Cádiz durante os 90 minutos. E fíxoo fronte a un Celta Fortuna no que non debutou ningunha fichaxe —ben por falta de adestramentos ou por problemas burocráticos—, cun once incluso debilitado respecto ao que terminou a temporada pasada, sen Hugo González, Anxo e Antañón de inicio.

    Un debut moi positivo, un debut para coller confianza neste inicio ligueiro e, sobre todo, un debut no que todos os rapaces recibiron o premio á súa temporada anterior.

    Iso si, o partido tamén nos deixa algunhas cosiñas negativas. Non negativas en si mesmas, pero si detalles que o Celta Fortuna ten que corrixir de aquí ao peche do mercado. Queda claro que Marco Garcés ten traballo: este equipo necesita outro dianteiro centro e outro mediocentro con urxencia.

    Non porque o obxectivo sexa gañar o maior número de partidos posible, senón porque os que xa están necesitan competencia, Fredi necesita que todos aumenten o nivel e os xogadores necesitan todo isto para mellorar, progresar e, co tempo, petar a porta do primeiro equipo.

    O Celta Fortuna mola moito. Desfrutémolo. Xa non queda nada para a próxima estrea na casa e, a min persoalmente, vaiseme facer eterno.

  • O Fortuna pecha a pretemporada deixando boas sensacións na despedida de Barreiro

    O Fortuna pecha a pretemporada deixando boas sensacións na despedida de Barreiro

    O Celta Fortuna de Fredi Álvarez pechou esta fin de semana a pretemporada do curso futbolístico 26/27, que arrincará o vindeiro sábado 15 de agosto no JP Financial Estadio —antigo Nuevo Mirandilla— fronte a un dos transatlánticos da Liga Hypermotion, o Cádiz CF. Para este punto e seguido que pecha a preparación estival, o filial celeste afrontou un día con dous partidos: pola mañá, fronte ao Coruxo Fútbol Club en Afouteza e a porta pechada, que finalizou con vitoria local por tres goles a un e no que debutaron os recentemente chegados nos últimos días; e pola tarde, un partido a porta aberta e retransmitido pola canle de YouTube do club.

    O pequeno pero encantador campo de Barreiro despídese de forma case definitiva do Fortuna, que a próxima tempada disputará os seus partidos como local no remodelado Estadio Abanca Balaídos e que, a medida que avancen as obras en Afouteza, dispoñerá dun estadio propio na cidade deportiva que o club está a construír en Mos. Moitos son os xogadores que pasaron por Lavadores nas últimas décadas, moitas foron as vivencias e experiencias das que foron testemuñas ese céspede, esas árbores do fondo tan características, as casas e edificios que debuxaban a paisaxe que se divisaba desde a bancada principal e que tantos balonazos recibiron nas súas fachadas. Un pequeno campo de barrio que para sempre será parte da historia do club. Desde DSTP Media queremos agradecer a Barreiro todos os momentos que nos fixo vivir. Foi un verdadeiro pracer.

    O Celta Fortuna de Fredi é un equipo moi traballado, moi ordenado, e nótase nos seus automatismos. O plan do club de que todos os equipos da súa estrutura intenten xogar co mesmo sistema e da mesma forma empeza a dar os seus froitos. Os xuvenís que soben ao filial, independentemente do seu nivel, do seu grao de madurez ou do seu desenvolvemento físico, entenden perfectamente o xogo. Nótano os xuvenís que soben ao Fortuna, pero tamén os xogadores que soben do propio filial ao primeiro equipo. Aceléranse os procesos, interiorízanse as necesidades tácticas e a engrenaxe sempre dá a sensación de estar perfectamente engraxada.

    O once inicial de Fredi estivo condicionado polo partido da mañá e polos xogadores que están en Italia na xira dos maiores. Hugo González xa se confirmou como xogador do primeiro equipo para todos os efectos, Antañón e Burcio están a brillar este verán cos de Giráldez e Anxo tamén está a acumular minutos.

    O partido contra a Unión Deportiva Ourense comezou cun Fortuna moi ordenado e un rival voluntarioso. Un dos primeiros detalles tácticos que chamaron a atención foi a posición que ocupaba Capde no centro do campo, descolgándose como mediapunta cando o Fortuna atacaba, nunha posición similar á que Giráldez utilizou con Ilaix Moriba a tempada pasada. Cabe destacar que a primeira parte do xuvenil Mateo Sobral foi unha delicia en canto á transición do balón e á contención defensiva, permitindo a Capde actuar con máis liberdade e adoptando Sobral un perfil máis posicional.

    Co paso dos minutos, os locais comezaban a impoñer tanto a súa calidade como a súa superioridade física. Non foron poucas as oportunidades desperdiciadas polos celestes na primeira metade. Álvaro Marín desperdiciou un man a man fronte ao porteiro visitante, obstaculizado por unha sutil acción do defensa que desestabilizou o xusto ao dianteiro celeste para impedir que puidese rematar en condicións. Poucos minutos despois, o dianteiro navarro dispuxo doutra oportunidade nun centro de Sobral ao que non chegou por uns centímetros no segundo pau.

    Xusto despois da pausa de hidratación chegou o gol do Fortuna. Pablo Gavián atopou a Kibet cun milimétrico pase entre liñas que o mozo kenyano controlou á perfección, internándose na área rival e recortando un defensa nunha baldosa cara ao interior da área pequena. O control posterior foise longo, pero tras un rebote o balón caeu chovido do ceo a Mateo Sobral, que, co porteiro batido, rematou apraciblemente á rede. Chegábase ao descanso con vantaxe viguesa, cun Fortuna impoñendo por completo o seu xogo.

    Á volta dos vestiarios, o Fortuna volveu desperdiciar ocasións claras. Germain Milla desatouse en ataque con boas internadas pola banda dereita, pero estas resultaban estériles ao ser incapaz de finalizar as xogadas coa súa perna esquerda, perdendo toda a vantaxe xerada na condución ou atacando o espazo ao intentar acomodar a pelota á súa perna boa. Esta situación repetiuse varias veces nos partidos de pretemporada que puido ver este que lles escribe.

    O Fortuna é ordenado e contundente na área propia, pero adóelle a falta de colmillo na rival: xera moito, pero castiga pouco. Certo é que os goles non faltaron durante o verán, pero son moitas as ocasións claras que desperdicia por falta de contundencia. É quizais o maior debe dos de Fredi. Perdéronse os 18 goles anotados por Hugo González a tempada pasada e é necesario incorporar un dianteiro centro que compita con Marín.

    Este último foi o encargado de anotar o segundo e definitivo gol do partido, culminando unha gran xogada individual de Joel López, que deixou o balón a Kibet. O kenyano, cun primoroso primeiro toque, rompeu a defensa ourensá e deixou o navarro man a man co porteiro. Esta vez non perdoou.

    Tras a segunda pausa de hidratación, Fredi deu entrada á camada de xuvenís que veñen pisando forte e que comezaron a asediar a portería rival. Non baixou o ritmo do Fortuna, non decaeu a presión fronte a unha Unión Deportiva Ourense que sostivo o marcador grazas á gran actuación do seu porteiro.

    Finaliza a posta a punto, comeza a batalla. Os rapaces de Fredi están dispostos a continuar o camiño do heroe que comezaron a tempada pasada conseguindo o histórico ascenso á Liga Hypermotion. Será un camiño longo e complicado, pero do que debemos gozar en cada momento.

    Fagámolo. Acompáñanos en DSTP Media durante esta viaxe.